Friday 26 de April de 2024

A Xunta avanza na rehabilitación do Mosteiro de Santa María de Sobrado para crear un novo albergue no Camiño do Norte


O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, visitou esta mañá a reforma que permitirá mellorar a acollida dos peregrinos nesta ruta e a recuperación dun edificio considerado Ben de Interese Cultural
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe as obras de rehabilitación do mosteiro de Santa María de Sobrado, nas que a Xunta inviste máis de 737.000 euros para a creación dun novo albergue, o que contribuirá a poñer en valor o Camiño do Norte e á recuperación deste edificio histórico declarado Ben de Interese Cultural.

Un convenio coa orde cisterciense de Santa María permitiu poñer en marcha as actuacións de acondicionamento do mosteiro para adaptalo ás características da rede galega de albergues públicos, da que pasará a formar parte unha vez rematados os traballos.

A reforma inclúe a renovación das instalacións do claustro dos peregrinos, unha das zonas do mosteiro destinada precisamente a albergue, con intervencións nos acabados e mobiliario e con melloras de accesibilidade e eficiencia enerxética. Tamén se acondicionou un espazo exterior para instalar un módulo de lavandería e unha zona de lecer e descanso. Así, os peregrinos que realicen esta ruta do Camiño do Norte contarán cun novo servizo de acollida na última etapa antes de enlazar co Camiño Francés.

Á visita tamén acudiron o xerente de Turismo de Galicia, Emilio de la Iglesia; o vicepresidente da Federación Galega de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, Ángel Trabada; o alcalde de Sobrado, Luis Lisardo Santos e o prior do mosteiro de Santa María, Carlos Gutierrez.

A Xunta leva tempo traballando para ter todo a punto para este Xacobeo dobre, e no caso do Camiño de Santiago, na creación de novas instalacións para os peregrinos e a realización de melloras nos actuais. De feito, o Goberno galego leva investidos desde 2015 máis de 15,7 millóns en infraestruturas no Camiño. Cos 8 novos albergues que están en marcha neste Xacobeo, a rede pública de albergues pasará a contar con 78 establecementos.

Alfonso Rueda destacou que o Goberno galego está a traballar no fomento de Galicia sexa un destino seguro, polo que a comunidade estará preparada para acoller a turistas e peregrinos cando a situación sanitaria o permita e se recupere a mobilidade.

Ademais, a Administración autonómica intervén na conservación e mantemento das distintas rutas xacobeas, que no caso do Camiño do Norte no que se ubicará este novo albergue e que está recoñecido oficialmente Patrimonio da Humanidade en 2015, supoñen un investimento de máis de 191.300 euros este ano en traballos de limpeza e desbroce.